180 SEGUNDOS _

Exposición “cento oitenta segundos” comisariada por Rocío Figueroa dentro de un proyecto del “Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas da USC” en la sala “Zona C”, en Santiago de Compostela.

FOLLA DE SALA

Cento oitenta segundos, non son máis que tres minutos. Os tres minutos de exposición nos que deben posar os protagonistas das obras de Jesús de la Iglesia ante a súa cámara. O artista, cun encadre en plano medio, retrata persoas de todo tipo e condición, mostrando a súa propia historia, a través dos moitos detalles con que se debuxan os seus rostros; un mapa cartográfico de vivencias escrito sobre a pel. Nesta ocasión o obxectivo enfoca directamente á tradición, ao traballo dos artesáns, ferreiros, imaxineiros, ourives, marroquineiros, etc. Esos oficios, cada vez máis en desuso, que sobreviven grazas ao afán incansable daqueles que non se renderon á produción industrial e ás novas tecnoloxías.

Jesús de la Iglesia toma este tema particular dentro dun contexto máis amplo que incide sobre a importancia do retrato e da identidade. Supón o pretexto perfecto para reflexionar sobre o concepto de tempo e sobre o poder de fascinación da imaxe. Unha constante construción do presente a través da revisión do pasado, nunha época, a nosa, na que se impoñen outros modos e outros formatos de narración.

O artista alude directamente a referentes claros da pintura da arte europea, véndose influenciado por artistas barrocos como Vermeer De Delft, Caravaggio ou Velásquez. Tamén observa a artistas modernos e contemporáneos como Pierre Gonnord, Bill Viola, Sam Taylor-Wood, ou Andy Warhol que xa nos anos 60 fixera os seus Screen Text, unha serie de videoretratos filmados en branco e negro.

O artista traballa coa luz, e coas cores coma se fosen pigmentos; coa mesma dedicación, como o máis puro artista no seu obradorio, elaborando, configurando, plasmando. O dominio da técnica que aplica e a edición final resultan determinantes na súa produción.
Neste caso, a pintura defínese así como pensamento, como idea, máis que como acto físico. “Pintar” imaxes non é máis que plasmar algo imaxinado en algo tanxible, e polo tanto non exclusivo da Pintura no seu concepto máis clásico como disciplina académica. En lugar de traballar con pincel fino en óleo sobre táboa, configura luz e cor, sobre un tecido de pixeis, enmarcado nunha pantalla de cristal líquido. As novas técnicas alíanse co artista, como noutros tantos momentos anteriores da historia da arte, para iluminar obras, quizais imaxinadas, pero nunca antes materializadas.

Jesús de la Iglesia reivindica “contemplar”, como un acto necesario, ao que parece que a sociedade actual renunciou. Debemos retomar o dereito a deternos, a fixar a nosa atención en algo, e ter un xuízo crítico individual, desligándonos do colectivo, para non ver a través dos ollos doutros, senón para observar a través dos propios.

A intervención de Jesús de la Iglesia, Cento oitenta segundos, queda enmarcada na convocatoria de selección dun proxecto para o fomento da práctica profesional de especialistas en arte contemporánea na Zona “C” que organiza o Concello de Santiago e xestiona o Auditorio de Galicia en colaboración co Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas da USC.

Rocío Figueroa Guisande, comisara da exposición.

 

Comentarios cerrados